SIDECARS E TANXUGUEIRAS ENCABEZAN O FESTIVAL DO QUEIXO 2023

Hoxe venres 24 tivo lugar na renovada Casa de Correos de Arzúa, a presentación para os medios do programa completo da 48.ª Festa do Queixo.

Na rolda de prensa interviron José Luís García, alcalde de Arzúa, Aurora Varela, concelleira de Cultura Concello de Arzúa, Alberto Alfonso, director de Art Music e do Festival do Queixo, e Xosé Luís Carrera, presidente do CRDOP.

Despois de presentarse as actividades culturais e gastronómicas da Festa, Alberto Alfonso pasou a detallar a programación musical do Festival do Queixo 2023.

Sábado 4 de marzo

O Director do Festival comentou a programación xa anunciada, comezando polos carballeses Apart, gañadores do concurso ‘Queixo Maquetón’ e que abrirán a xornada do sábado ás 21:30h. Deseguido, ás 22:30h subirán ao escenario do Campo da Feira Sidecars que completarán o cartel deste festival. A banda madrileña está a presentar o seu novo álbum 'Trece' e a súa presenza en Arzúa significará o seu primeiro festival en Galicia con este novo traballo. Xa ás 00:30h chegará Muchachito Bombo Infierno coa súa magnífica banda ao estilo Marching Band, para facernos gozar. E para os que aínda teñan ganas de bailar, faránno a ritmo dos We are not dj's a partir das 02:00h. Son contundentes desde o minuto un, saen a romper e saben poñer a xente a brincar, e por iso se fixeran imprescindibles en tantos en tantos festivais

Domingo 5 de marzo

A Rondalla Moraima, grupo arzuá, abrirá a sesión vermú ás 12:30h co seu repertorio de pezas clásicas como habaneras, boleros, música galega, música mexicana, música clásica... Xa pola tarde, ás 18:00h teremos a sorte de ver as pandereteiras Leilía presentando Vidas cantadas, unha aposta integral, un proxecto no que cadran orixe e fin, pechan o círculo e dentro del teñen cabida ilusións, premios, colaboracións, recoñecementos, viaxes, amizades.. Rematarán a xornada dominical ás 19:30h Tanxugueiras: a (r)evolución da música tradicional galega. Sabela, Aida e Olaia son o son dun pobo internacionalizado. Son a cultura tradicional na pista de baile. Sontodos os mundos nun só. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Por último, pero non menos importante, Alfonso lembrou que o acceso ao recinto será gratuíto ata completar aforo.

Agardámosvos en Arzúa listos para queixear!
#Queixo2023