A XUNTA PRESENTA O ESPECTÁCULO DE LUZ, SON E DANZA QUE TERÁ LUGAR O VINDEIRO 31 DE DECEMBRO NA PRAZA DA QUINTANA CO MOTIVO DO REMATE DO XACOBEO

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentaron hoxe no Centro de acollida ao peregrino, o espectáculo de luz, son e danza que terá lugar o vindeiro 31 de decembro co motivo do remate do Xacobeo.

Nava Castro e Jacobo Sutil estiveron acompañados polo director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo. A compañía será a encargada de levar a cabo o espectáculo de luz.

Un equipo composto por arredor de 100 persoas, entre o corpo de baile, coro, técnicos e persoal de produción farán as delicias dos espectadores e farán do peche da Porta Santa un acontecemento sen igual”, explicou Nava Castro, que tamén convidou a todos os galegos e galegas a seguir en directo a retransmisión do acto pola TVG, que dará comezo e torno ás 19h despois da misa na Catedral.

O director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo, explicou o desenvolvemento do acto no que, segundo avanzou, se unen tradición e modernidade no mesmo camiño.

“Un camiño que levamos percorrendo de xeito único na historia durante dous anos de Xacobeo. Por esta excepcionalidade, este peche da Porta Santa non podía ser outra cousa que un auténtico acontecemento que celebre o corpo do camiñante, a terra que pisa, e o propio camiño que ten Galicia por destino. Desde Nova Galega de Danza convidámosvos a esta última peregrinación a través do baile, a música, o canto, a luz e as sombras, ata chegar a este destino final no que nos atopamos, a emblemática praza da Quintana de Santiago. Esta viaxe que imos facer será, como o propio Camiño, simbólica e espiritual. Viviremos un amencer de etapa nun cántico de arrieiro interpretado por Xurxo Fernández, as músicas de Sergio Moure de Oteyza e que lle seguirá un bosque de voces do coro de Carmen Rey e unha reinterpretación da Negra sombra de Rosalía de Castro”, explicou Jaime Pablo.