MAREM LADSON ACTUARÁ ESTE SÁBADO NO CICLO VOCES CÁLIDAS

Este sábado 27 de febreiro, o Centro Cultural A Fábrica (Perillo, Oleiros) contará coa presenza de Marem Ladson nun concerto acústico dentro da VIII edición do Ciclo Voces Cálidas promovido polo Concello de Oleiros. O concerto terá lugar ás 19:30 horas e as entradas estarán dispoñibles na billetería da Fábrica desde as 18:30 horas tendo un prezo de 2,50 €.

Marem Ladson é unha creadora de 23 anos de orixe mixta español e estadounidense. Mesturando a súa capacidade natural evocadora nos textos con texturas de folk e pop actuais, a súa música é á vez intimista e poderosa. As súas cancións déixannos ver as súas raíces americanas e o cóctel de sons que escoitaba cando era pequena. Marem comezou a desenvolver a súa personalidade musical sendo apenas unha adolescente. Non faltaron teloneos a músicos como Laura Gibson e Denison Witmer. Pouco despois, aínda con 17 anos, foi descuberta polo selo indie Mont Ventoux. En 2018 publicouse, o seu disco de debut homónimo. Tras isto, Marem dedicouse a virar por España e Portugal, tocando na práctica totalidade de principais festivais do país.

A música de Ladson ten un pé na tradición, mentres o outro se asenta firmemente en texturas e sons contemporáneos, algo que podemos constatar no seu último lanzamento discográfico "Azul" (2020), un EP de 5 cancións.